Falar sobre Fóra para falar sobre Conxo

acp030513_2

Mónica Gorenberg é unha psicóloga e psicanalista arxentino-aragonesa á que lle preguntamos hai unhas semanas a súa opinión sobre Fóra (Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas, 2012). A idea non é que ela, que é moi cinéfila, nos escriba unha crítica cinematográfica do filme, senón máis ben que faga unha lectura, a súa lectura, dende o punto de vista da psiquiatría.

Cando rematei de ver Fóra lembrei unha expresión dos anos setenta, ‘a piece of conversation‘, que se refería a aqueles obxectos que tiñan como función permitir o inicio dunha conversa. Iso é o que podería ser este filme, un xeito de comezar a falar do Hospital Psiquiátrico de Conxo. E falar dun psiquiátrico, ese monstro, que chega a ter as dimensións dunha vila, é falar das súas relacións co lugar no que se enclava: as relacións coas instancias administrativas, co poder político, cos que fan negocios coa comida, coa roupa e co traballo dos enfermos, cos médicos, cos traballadores, cos auxiliares. E máis cousas. Podemos falar da relación da aldea, logo barrio, co psiquiátrico. Ou da corrupción a conta de seres degradados, explotados, como se apunta brevemente. Pódese falar de tantas cousas e, finalmente, só se fala, un bocadiño, de todo.

O primeiro que me sorprendeu foi a ausencia de referencias temporais claras no filme. Semella que se fala dende o presente, mais… rápido, vou a google, e decátome de que o psiquiátrico aínda existe. Sorpresa. Hai unha noticia de xaneiro deste ano que informa do traslado definitivo dos enfermos que aínda residen aló a outra caste de… instalacións, residencias, hospitais, xeriátricos? Serve isto que atopei? Si, se cadra serve para ler o material filmado dende este après coup, este punto final. Conxo, un lugar anacrónico. Un lugar detido no tempo onde semella que non chegou, nin sequera, a lei de sanidade de 1986.

A emoción e os dados

O derradeiro hospital psiquiátrico urbano do estado. Iso non é unha anécdota: é xa categoría. Hai unha frase que pode servir para enmarcar a miña aproximación. Entre os materiais de arquivo que se inclúen na metraxe aparece o fragmento dun debate televisado: novembro de 1983. Un médico, con aspecto de ‘progre’, fala de Conxo de xeito crítico e nunha linguaxe bastante profesional. A seguir intervén o director do psiquiátrico. Di que non vai falar dende a emoción, como seica falou o médico. Porque a emoción impide ver as cousas claras. El vai falar dende as cifras, as matemáticas. Á marxe de sinalar que o director si se emocionou, porque despediu ao médico inmediatamente, podemos dicir que é difícil falar destas cuestións sen emoción. Por iso, o documental busca certa poesía no tratamento das imaxes, aínda que quizais este intento lastra ao final o seu resultado.

Unhas imaxes históricas e un plano do edificio. Magnífico, seguramente, como é magnífica a escaleira. Un edificio concibido con luxo, pero rapidamente superado polas necesidades e características da poboación que finalmente acolle. Relato (breve) dalgúns intentos de mellorar a situación, mais o que se conta dos anos trinta obedece ás reivindicacións dos traballadores. Non hai noticias dos aspectos médicos ou asistenciais. E, de súpeto, xa estamos nos setenta. Un médico fala dun intento de reforma. Algúns residentes son despedidos. Fala coma se non tivese relación co exterior, a pesares de que os anos setenta foron decisivos na abordaxe da institución manicomial e na definición de enfermidade mental. Só cara ao final fala da antipsiquiatría, e aínda que di que a italiana foi boa, porque pechou os psiquiátricos, a outra (cal?) di que a enfermidade mental non existe, e iso non é bo para os enfermos. Non sei de que fala este profesional, mais ninguén lle contesta.

Antipsiquiatría, termo utilizado por primeira vez polo psiquiatra David Cooper en 1967, foi o movemento, teórico e práctico, que abriu a consideración da enfermidade mental como síntoma do noso tempo, da nosa organización social e económica. É difícil resumir todo o que significou ese movemento: eliminar o electroshock como tratamento ‘por defecto’, peche de manicomios, apertura de comunidades terapéuticas, estudo da familia, etcétera. A loita polos dereitos civís dos enfermos, a retirada da consideración da homosexualidade como enfermidade mental.

Mais, que pasaba en Conxo con todo isto? Non o sabemos, o documental non o aborda. 1500, 1000, 600 enfermos en 1983. Dise que nesta aldea, hoxe barrio, non hai industria. “Conxo é a fábrica de Conxo”. Como outro tipo de institucións, un cárcere, por exemplo, que a xente non quere, mais que se converte no motor económico da contorna. E é que a psiquiatría, por desgraza, é a irmá pobre da medicina. Un cardiólogo, un anestesista, séguense formando. Acoden a cursos, a congresos. E os psiquiatras? A congresos organizados polas farmacéuticas. Non se forman, infórmanse das últimas novidades do mercado.

Ao final do filme, o parlamento breve dun profesional afirma que se non se avanzou na época na que había diñeiro, agora vai ser peor. É verdade que todo é mellor con diñeiro, mais non se chega a explicar o porqué do fracaso cando o houbo. E non se di que sen a complicidade do poder médico nada é posíbel. Nin o esquecemento, nin o progreso. Os movementos dos anos sesenta, setenta e oitenta non se produciron só con diñeiro. Comezou co pulo dos profesionais de psiquiátricos como o de Conxo: masificados e pobres. Os trastornos psiquiátricos son caros: absentismo laboral, familias desestructuradas. Sobre iso hai que intervir. Ese ten que ser o discurso económico. Non só o ‘non temos diñeiro’. Por iso, Fóra pode ser un bo comezo: porque o que sempre se pode é conversar.

■ Crítica de Mónica Gorenberg publicada o 3 de maio de 2013 en A Cuarta Parede